5 DE DECEMBRO DE 2019. UN DÍA DE CELEBRACIÓN E RECOÑECEMENTO A 21 ANOS DE TRAXECTORIA

 

O día 5 de decembro, Día Internacional do Voluntariado, o Concello de Padrón rendeu unha homenaxe ás persoas voluntarias da Oficina Municipal de Voluntariado  (OMV Padrón).

A tarde de homenaxe e celebracións  comezou ás 17:00h no Xardín Botánico Artístico coa plantación dun xardón “Árbore do Voluntariado”; e a celebración continuou cun acto no auditorio municipal.

A presentación do acto correu  a cargo do actor Isi e foi presidido polo alcalde, Antonio Fernández, e a concelleira de Xuventude e Voluntariado, Lorena Couso. Ambos enxalzaron o labor desinteresado, que ao longo dos 21 anos de traxectoria da OMV Padrón, desenvolveron as persoas voluntarias, unas 200, e das 36 persoas voluntarias actuais.

A técnica coordinadora de voluntariado, Pili Lorenzo, destacou a evolución da oficina ao longo dos seus 21 anos de vida, tanto como oficina de intermediación de voluntariado como entidade e de xestión directa do mesmo,  a cal funciona segundo un modelo participativo e asembleario. Tamén agradeceu o traballo desenvolto polas persoas voluntarias nunha oficina municipal de voluntariado singular en Galicia e pioneira en proxecto de innovación social. Asemade fixo unha especial mención ás persoas voluntarias que non puideron estar presentes neste día de celebración.

No ecuador do acto, dúas persoas voluntarias, Sonia Boga e Aida Lorenzo leron para todas as persoas asistentes o texto, «Un mar de lumiños» do «Libro de los Abrazos» de Eduardo Galeano, e unha emotiva reinterpretación do mesmo dende a ollada das persoas voluntarias de Padrón.

<<Un mar de lumiños

Un home do pobo de Neguá, na costa de Colombia, puido subir ao ceo. Á volta contou. Dixo que contemplara, dende alá arriba, a vida humana. E dixo que somos un mar de lumiños. O mundo é iso revelou un montón de xente, un mar de lumiños. Cada persoa brilla con luz propia entre tódalas demais. Non hai dous lumes iguais. Hai lumes grandes e lumes pequenos e lumes de tódalas cores. Hai xente de lume sereno, que nin se decata do vento, e xente de lume tolo que enche o aire de faíscas. Algúns lumes, lumes bobos, non iluminan nin queiman; pero outras arden a vida con tantas ganas que non se pode miralos sen pestanexar, e quen se achega, acéndese.>>

Precisamente, entre estas últimas atópanse as persoas voluntarias que son quen de contaxiar as súas ganas, esperanzas e ilusións impulsando e desenvolvendo accións solidarias en aras a conseguir un mundo mellor, con maiores doses de empatía, fraternidade, xustiza social e igualdade.

Logo procedeuse ao visionado dun vídeo de testemuños dos/as voluntarios/as no que trasladaban en primeira persoa o que supoñía para eles/as ser parte activa da OMV padronesa.

Trala actuación monologuista do actor Isi, as persoas voluntarias recibiron a entrega duns agasallos artesanais elaborados por persoas da Asociación AMIPA, entidade social que colabora actualmente cun proxecto compartido coa OMV de Padrón.

Ao rematar o acto tólodos/as asistentes  puideron inmortalizar este día senlleiro nun orixinal fotocall e continuar compartindo conversas arredor dun convite.

Bego Suarez e Aida Lorenzo

Deja un comentario

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close