“O DEREITO A SOÑAR”

Como dixo Eduardo Galeano, o dereito a soñar non figura entre os trinta Dereitos Humanos que as Nacións Unidas proclamaron a finais de 1948, pero se non fose por el e polas augas que dá de beber, os demais dereitos morrerían de sede. Deliremos pois por un momento. O mundo que está patas arriba, porase sobre os seus pes.

Co dereito a soñar e con esta homenaxe ao seu autor, Eduardo Galeano, estreamos un espazo no blog para soñar coa rebeldía e o activismo voluntario de moitas persoas que loitan por transformar e mellorar a nosa realidade e por que non, para forxar conciencias e convocar á utopía desoutro mundo posible, máis xusto, máis digno, máis humano.

A primeira viaxe deste dereito a soñar vainos levar á biblioteca de Imrahor, sur de Ankara (Turquía), un lugar para a cultura e o saber que como flor do loto, chea de beleza, emerxe non da lama pero si do lixo. Esta biblioteca nace cando o persoal do servizo de limpeza do distrito de Canyaka, farto de ver como centos de libros remataban no lixo decidiu recollelos e almacenalos na sede do Departamento de Saneamento, unha antiga fábrica de ladrillos. Nun principio prevíase que prestase servizo só ás/aos traballadoras/es pero o volume de obras recollidas desbordou as previsións, polo que pronto decidiron abrila ao público.

Na actualidade un bibliotecario, contratado polo municipio de Canyaka,  xestiona a biblioteca que conta con 4.750 libros nos andeis e 1.500 pendentes de ubicación. Entre as súas obras atopamos mostras de todos os xéneros literarios e temáticas, best sellers como as sagas de Harry Potter, autoras/es clásicas/os como Homero, Alejandro Dumas ou Charles Dickens, e  escritoras/es recoñecidas/os co Premio Nobel de literatura, caso do escritor turco Orham Pamuk. O seu catálogo tamén custodia pezas de gran valor como un libro de manualidades e tecidos de 1940, varios xornais dos anos 50, perfectamente conservados, e a xoia do lugar, 20 volumes da enciclopedia Ana Britannica.

O dereito a soñar non ten cancelas e o persoal do servizo de limpeza do distrito de Cankaya soña agora con reconverter en bibliotecas móbiles os camións da recollida do lixo que xa non se utilicen, para achegar a lectura ás escolas das zonas desfavorecidas. Despois do visto, a ver quen se atreve a cuestionar a utopía!

15187967960278

(imaxes de Crónica de El Mundo)

15187969019466

(Imaxe de El Pais)

 

Texto: Nati Lorenzo Campos

Educadora Social -Voluntaria da OMV

Deja un comentario

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close